A nosa historia local repite á súa escala os males que durante anos xestaron a situación actual acentuados pola crise económica. Foron tempos nos que os representantes do pobo podían permitirse non estar á altura das circunstancias, das necesidades, do futuro. Lentamente íbase fraguando un sustrato de derroche, de desatención aos proxectos de verdadeiro alcance social, de mediocridade e falta de ideas nas inversións, disfrazadas de megalomanía e espectáculo. Só importaba atender ao impacto nas masas de votantes narcotizadas, nunca educadas no sentido do público, do común. Eles eran fillos inevitables desa incapacidade para considerar aos votantes coma cidadáns. Nunca souberon diferenciar o seu interese persoal -a farola, a finca, o asfaltado, a fe ós seus- do que importa aos máis, da ágora de intereses contrapostos polos que loitar. Traballaban cegos a un mundo cambiante e aos seus retos, cegos ante o apoio dunha masa tan cega coma eles, pero iso, dicían, era a democracia. O poder da maioría que lles daba a razón. E bastaba.
Agora temos chegado, coa inercia dese empuxe, á estación final. Cambiou o escenario porque xa non se pode manter máis tempo a mentira vivida. Cambiou a trama, en busca de desenlace inesperado. Mudouse a historia en drama e, sen embargo, aínda quedan personaxes que pretenden levar adiante a comedia na que a súa presencia tiña un sentido. Son eses personaxes desenfocados que, a estas alturas do conto, xogan ao pádel nos xardíns de palacio mentras fora alentan os bárbaros. Personaxes grotescos que alimentan esa sensación de traxedia no máis xenuino que ela ten: o camiño cara un destino inevitable pero que todos coñecen salvo eles. Por iso pasarán á nosa historia local coma quenes con boas ou peores intencións só souberon facer un ridículo que todos sufrimos. Un legado tráxico.
_____________
Enlace (na páxina 15 do documento adxudícase ao concello a axuda para a construcción dunha pista de pádel. Compárese con outros proxectos)
Incompetentes !!!
ResponderEliminar