Hoxe chega a nós o antolóxico texto co que acompañamos estas palabras, firmado nada menos que pola nosa concelleira de Educación e Cultura, que responde a un nivel de redacción no que se misturan impúdicamente a escolarización básica coas altas pretensións do cargo. Nel conviven sen decoro as incongruencias, as repeticións, o léxico pretencioso pero inadecuado. A vulgaridade.
Apena ver estas demostracións de mediocridade satisfeita e sen complexos en quenes teñen moito que facer e idear nestes difíciles tempos nos que non nos podemos permitir o que dende sempre ven sendo moneda corrente nos concellos. É agora cando doe máis ver como se tapona co cemento da incompetencia o acceso a tanta xente capaz e formada para funcións que desenrolarían coa eficiencia e intelixencia que escasea na corte. Somentes pediríamos un sentido do pudor e da realidade ante os cidadáns que confiaron en que eles, ese foi o seu compromiso, están en situación de asumir as complexas responsabilidades do seu traballo.
Un pobo non pode avergoñarse dos seus representantes.
O pobo, o que se dis o pobo chan, ese mesmo pobo que constitue o chan electoral dos que nos mal gobernan, non se avergoña porque non se decata.
ResponderEliminar