Intramuros apoia a Plataforma Cidadá Son de Tui na idea de que o seu proxecto é a resposta necesaria aos problemas que sufre o Casco Histórico de Tui dende hai moitos anos e que vimos denunciando no noso blog. Seguimos abertos ás propostas de todos, á vosa participación.



8/10/12

Vive o casco histórico

Muralla en Salvaterra
Cando pasou máis de un ano da chegada do actual grupo de goberno ás altas salas do Concello xa se pode facer un rápido balance das conquistas para o casco vello sen que se poida obxectar a falta de tempo, máxime cando as declaracións durante a campaña do Sr. Alcalde facían unha e outra vez fincapé na súa " preocupación polo casco e a calidade de vida dos seus veciños". Tentaremos ser breves pois, desgraciadamente, os problemas son recurrentes e tense falado deles unha e outra vez nestas páxinas.
 
1. Limpeza. A acumulación de lixo fora dos contenedores nas fins de semana, cheos a rebosar, é un espectáculo habitual do que veciños e hosteleiros sufren as consecuencias directas. Presencia de ratas e alcantarillado atascado forman parte do colorido medieval das rúas que se limpan cando cadra. O cuidado do paseo fluvial limítase as tareas de corte do céspede sen retirada dos residuos, polo que a muralla e terrazas colindantes teñen o mesmo salvaxe aspecto que nos tempos nos que tantos trenes se perderon. O mantemento, palabra nefasta, do entarimado de madeira do mesmo é digno de comprobar in situ sempre que se teña precaución. A xardiñería privatizouse aos balcóns a pesar da súa asignación a unha concellalía específica.
 
Salvaterra
2. Rehabilitación e urbanismo. Coa excusa da espera da aprobación definitiva do PEPCHA todo queda como está e permítese a circulación de vehículos a quen lle pete, o estacionamento onde se queira, mentras os propietarios de vivendas, perdidos na burocracia e na incompetencia, na falla de vontade e ideas,ven que as axudas, licencias, permisos e demáis desaparecen no aire mentras o tempo pasa...Mesmo quen amosaba o seu interese en vivir no casco -primeira necesidade da política de rehabilitación- opta por outras localidades ou zonas onde se fagan as cousas con máis seriedade. Necesítase, como sempre, unha oficina do ARI que funcione coa efectividade que merece o conxunto histórico máis abandonado de Galicia. A urxente peatonalización das súas rúas segue pendente, o mesmo que o soterramento do antiestético cableado, e a regulación do tráfico rodado é inexistente ou, se se quere, anecdótica, polo que a degradación do pavimento, a agresión estética, as continuas molestias aos moradores, os peligros para viandantes, nenos e maiores, seguen igual que sempre.
 
3. Calidade de vida. Por si non fora pouco o dito, temos que sumar as actividades nocturnas de establecimentos dos que temos falado en innumerables ocasións que contan con variopintas licencias no mellor dos casos e se constitúen en focos de ruido con horarios sen control, actividades incompatibles cunha política de recuperación de calquer casco coma o noso. O vandalismo, algaradas e botellóns a altas horas da madrugada con danos ao patrimonio público e privado é moeda habitual das fins de semana como colofón a esta política permisiva, sen rumbo e moi dada a medidas de foto en prensa pero sen efectividade. Un bó exemplo disto último e un aumento da vixilancia mediante a maior frecuencia dos paseos (sic) en coche dos policias locais( para cando axentes a pé?).
 
Salvaterra
4. Ideas. Espérase de quenes teñen a responsabilidade de estar á altura da cidade ideas ambiciosas e proxectos que revitalicen este prolongado e agónico afundimento do casco histórico. Non basta con festas e concursos: por acertadas que sexan, non deixan de ser pinceladas soltas nunha pintura por facer. Falta adaptar plans alleos, establecer obxectivos serios de recuperación, dar uso a edificios infrautilizados que sexan polos de atracción, políticas de rehabilitación e aluguer para baixos comerciais, deixar de lado a pasividade e coller un teléfono, contactar con concellos que teñen moito que ensinarnos e experiencia en asuntos tales, facer visitas con ollos intelixentes e sensibles e copiar sen vergoña. Porque a verdadeira, a única vergoña, é o que temos.
 
5. Os cartos. Cando se fala de medidas para dignificar estas rúas e casas obstinadas en sobrevivir, xurde sempre o problema dos cartos. Sabemos que non son tempos fáciles e que, como dixemos arriba, perdéronse moitos trenes nos tempos innombrables (nos que o actual alcalde tería algunha responsabilidade, dicta o sentido común). Sen embargo, sen mirar ao pasado, continuamos con gastos coas prioridades de sempre, baseadas no populismo e outros inconfesables pecados que dilapidan o pouco que temos en fins que teñen moito que ver con ese xeito de xestionar a cousa pública que está detrás da actual crise que vivimos. Imos por uns exemplos, máis alá de Macocas, dos últimos gastos extraordinarios aprobados no Pleno do outro día. Se lle parece ao paciente lector, o deixamos para un próximo post, para non facer cargante tanta palabra e decepción.
 
Muralla Tui
 

1 comentario:

  1. Non teñen nin ganas nin capacidade. O curioso é que non será por sitios onde aprender.

    ResponderEliminar