Intramuros apoia a Plataforma Cidadá Son de Tui na idea de que o seu proxecto é a resposta necesaria aos problemas que sufre o Casco Histórico de Tui dende hai moitos anos e que vimos denunciando no noso blog. Seguimos abertos ás propostas de todos, á vosa participación.



13/3/11

Via Crucis

Nestes tempos de Cuaresma, de reflexión fonda e sentida, nos remiten uns veciños estas imaxes dun peculiar Via Crucis que recolle os sufrimentos diarios e sen remedio, polo que parece, dos habitantes do casco. Sonche estacións nas que deterse e orar con devoción, paradas nos nosos paseos cotidianos que nos fan levantar a testa e con ollos mansos dirixidos ao ceo pedir axuda e luz sobre quenes nos fan sufrir tan loca, locamente.

Suplicaremos que ninguén poña o pé, e coidado nas procesións, nestes buraquiños persistentes e apartaremos os desexos impuros de que leve un susto quen os permite:





Que estes pacentes tubiños destinados ao soterramento eléctrico non sigan esperando a acción intelixente dos homes. Intelixentes, sí. Ás veces.








Que non se derruben as murallas do Jericó tudense, que se coide e valore tanto patrimonio esquecido polos homes, casquivanos.







E deterémonos aquí, nesta cuarta estación, admirando tanto inxenio humano oculto por sempre e humildemente, e pedir o miragre, ese érguete e anda que desperte a alma dormida e faga sonar a arpa do rincón esquecida...






Seguindo o camiño da cruz, aquí reflexionaremos sobre os infernos, a conexión co inframundo, esa alcantarilla nunca limpa o suficiente de pecadores. E incluiremonos, con humildade, entre eles, pedindo que chegue, como a caricia que alborota o pelo dun neno, o perdón.






Chegados a esta parada, non deixaremos de recordar que cecais os paganos tiñan razón e vimos do caos, da desorde absoluta, e algúns seguimos procurando, absurdamente, fuxir da nosa natureza.






E matinaremos sobre estas verbas: "dar de beber ao sedento":





E así, con mansedumbre e nostalxia, coa contrición destes tempos, pasaremos por estes outros lugares, coma Xesús pasou aqueles lonxanos días no deserto, caviloso e entristado.












Ata chegar a esperanza dunha resurrección, dun renacemento, coma a de estas modestas florciñas que os veciños coidan agarimosamente, esperanza nun tempo en que poidamos deixar de recorrer camiños cheos de tristuras.  



No hay comentarios:

Publicar un comentario